31/10/16

UN SAMAÍN DE ALUCINE

Este impresionante  mural preside, a entrada do noso cole dende a semana pasada. 
UN SAMAÍN DE ALUCINE!

Todo o alumnado está representado nel. Cada clase elixiu un personaxe de medo dunha película para traballar nas aulas. A idea era representalo plasticamente dentro dun fotograma e escribir unha frase representativa da película. 
 A Madrastra da Cincenta  e o Lobo da Carapuchiña ( 4º E. Infantil)
 Úrsula, bruxa da Sereíña e o Lobo dos tres Porquiños (5º E. Infantil)
Bruxa Grimhilde de Brancaneves e Maléfica da Bela Durminte (5º E. Infantil) 
 Scar de O Rei León e Bagueera de O Libro da Selva (1º E. Primaria)
 Frankenstein e Drácula (2º E. Primaria)
 Gremlins e Cruella Deville de 101 Dálmatas (3º E. Primaria)
 Zombies e Cazafantasmas ( 4º E. Primaria)
Harley Quinn  e Joker (5º E. Primaria)
A Familia Addams e A noiva defunta (6º E. Primaria)
Tamén, como cada ano, non faltou a exposición de cabazas. Este ano encheuse de ET, Spiderman, Nemo, Dori, Frankenstein, directores de cine, Hollywood, palomitas, ... IMPRESIONANTES! Cada ano se superan. Sabemos que detrás de cada cabaza hai un esforzo inmenso, pero esperamos que tamén houbera momentos inesquecibles de traballos cooperativos en familia.
GRAZAS FAMILIAS!
 
 
 

 
 

23/10/16

SAMAÍN 2016

 A Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística Galega pon a disposición da comunidade escolar diferentes recursos sobre o Samaín.
Preme na imaxe para poder acceder a eles.


A MÁSCARA DO LEON

Os Trasniños do noso cole seguen na recolleita  triunfos. A  curta "A máscara do León" vén de seren seleccionada como finalista no certame de cinema OUFF escola. Este certame, que este ano xa celebra a vixésima primeira edición, ten como obxectivo o impulso do uso da nosa lingua entre a xente nova, fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo.
Os trasniños acudirán o próximo 2 de novembro a entrega de premios á cidade de Ourense.
Parabéns rapaces e rapazas!

 Parabéns profes María e Cris!
Sodes o noso orgullo!

Premendo na imaxe podedes acceder ao que os Trasnos de A Pedra comentaron no seu blog





12/10/16

COMEZAMOS UN NOVO CURSO

Coas forzas renovadas e cunha gran ilusión damos comezo a este blog no curso 2016/ 17.
Esperamos que nestas páxinas podamos reflectir multitude de actividades que sirvan ao fomento da nosa amada lingua e que  asemade contribúan a que o noso alumnado medre dunha maneira saudable grazas a adquisición de novos  coñecementos e a vivenza de novas experiencias.
Como en cursos anteriores  o equipo de Dinamización traballará en colaboración co  de biblioteca, que este ano desenvolverá o proxecto “UNHA BIBLIOTECA DE PELÍCULA”,  velando asemade para que a lingua vehicular sexa o idioma galego.

 Proxectamos tamén coñecer a fondo a figura de Carlos Casares, autor que será homenaxeado nas letras galegas 2017.
Dende as páxinas deste blog queremos expresar o noso pesar polo recente pasamento de Agustín Fernández Paz,  autor sempre admirado, lido e traballado polo alumnado deste centro. Este ano queremos dedicarlle unha sentida homenaxe e proba disto é o andel que dende o principio de curso ocupa un lugar destacado na nosa biblioteca.
Este equipo como en cursos anteriores, organizará ou participará en todas actividades das diferentes conmemoracións do noso centro.
Seguiremos colaborando coa coordinadora de Equipos de Dinamización Lingüística do Morrazo.
Publicaremos, asemade, puntualmente todas as aportacións que a Coordinadora de Equipos de Normalización  e Dinamización Lingüística Galega nos vaia achegando.