21/2/15

24 DE FEBREIRO DÍA DE ROSALÍA

O vindeiro martes 24 de febreiro conmemoramos o día da nosa poetisa máis ilustre.
Este ano participaremos como o curso pasado nunha actividade conxunta con outros centros da comarca, titulada Rosalía das ondas  do mar, que consiste en elaborar un vídeo colaborativo co poema "Na lingua que eu falo".
Dende o cole convidámosvos a ler algunha das súas obras, que poderedes atopar na biblioteca.
Tamén atoparedes  información e xogos na seguinte ligazón:



Cantarte hei, Galicia,
teus dulces cantares,
que así mo pediron
na beira do mare.

Cantarte hei, Galicia,
na lengua gallega,
consolo dos males,
alivio das penas.

Mimosa, soave,
sentida, queixosa,
encanta  si ríe,
conmove si chora.

Cal ela ningunha
tan dose que cante
soidades amargas,
sospiros amantes,

misterios da tarde,
murmuxos da noite:
cantarte hei, Galicia,
na beira das fontes.

Que así mo pediron,
que así mo mandaron,
que cante e que cante
na lengua que eu falo.

 Que así mo mandaron,
que así mo dixeron...
Xa canto, meniñas.
Coidá, que comenzo.

Con dulce alegría,
con brando compás,
ó pe das ondiñas
que veñen e van.

Dios santo premita
que aquestes cantares
de alivio vos sirvan
nos vosos pesares;

de amabre consolo,
de soave contento
cal fartan de dichas
compridos deseios.

De noite, de día,
na aurora, na sera,
oiresme cantando
por montes e veigas.

Quen queira me chame,
quen queira me obriga;
cantar, cantareille
de noite e de día.

Por darlle contento,
por darlle consolo,
trocando en sonrisas
queixiñas e choros.

Buscaime, rapazas,
velliñas, mociños.
Buscaime antre os robres.
Buscaime antre os millos,

nas portas dos ricos,
nas portas dos probes,
que aquestes cantares
a todos responden.

A todos, que á Virxen
axuda pedín,
porque vos console
no voso sufrir;

nos vosos tormentos,
nos vosos pesares.
Coidá, que comenso...
Meniñas, ¡Dios diante!

CANTARES GALLEGOS


Ademais o vindeiro martes a Sala  Amalia Domínguez Búa de Bueu acollerá un recital para celebrar o Día de Rosalía.O acto está organizado pola Asociación de Escriotres e Escritoras en Lingua  Galega conxuntamente coa Asociación para o Debate Ricardo Gómez Buceta.
O recital que comezará as 20:00 h estará aberto á participación de todo aquel que queira. Tamén se lerá un manifesto e haberá unha actuación musical a cargo das pandereteiras  Axouxeiras.





15/2/15

UN ENTROIDO PASADO POR AUGA!

Que mágoa! Este ano a choiva non quixo darnos unha tregua o pasado venres 13 de febreiro, para poder saír cos nosos disfraces ata a praza do concello ,como vimos facendo todos os anos por estas datas.
Pero nós fixemos caso do dito:"Ao mal tempo boa cara" e ataviados coas nosas creacións artísticas reunímonos no ximnasio para cantar, bailar e gozar dun día de festa.
Foi o broche final a unha semana de intenso traballo para confeccionar os traxes. O resultado mereceu a pena!
Entre cadros de Kandinsky e Miró, xunto con Mozart, as rapazas do Charlestón e Charlot pasamos unha mañá moi divertida que rematou dando conta nas aulas dos riquísimos doces de entroido que compartimos.









                  


Os nenos/as de Infantil tamén fixeron a festa pola súa conta , xa que unha vez máis o tempo non deixou que compartiramos esta xornada. Aquí están co seu disfraz de reloxo de Dalí.


                                 
Este foi o proceso de traballo!





ESCOITADE AS NOSAS COPLAS DE ENTROIDO!




ESTAS SON AS LETRAS!


3/2/15

DÍA DA PAZ 2015

O pasado 30 de xaneiro conmemoramos coma todos os anos o Día da Paz.
Este ano quixemos facer a nosa propia obra de arte, así elaboramos un mural "POP ART" lembrando a Andy Warhol,e puxémolle de titulo "A ARTE DE CONSTRUÍR A PAZ COMEZA COA TOLERANCIA".
Tolerancia coas diferenzas , que nos fan únicos e nos enriquecen.
Así expresamos a nosa maneira de facer ARTE, non só coas pinturas senón tamén cos bos desexos de: valorARTE, consolARTE, aloumiñARTE, namorARTE, apertARTE, bicARTE, animARTE, felicitARTE, emocionARTE, lembrARTE, acompañARTE, convidARTE, ilusionARTE e agarimARTE
Este foi o resultado.


Están todos moi guapos!

Aínda que por mor da chuvia non puidemos saír ao patio, tivemos a oportunidade de ler para todos estes bos desexos no ximnasio. (preme aquí para atopar máis información). Tamén cantamos a canción de Pablo Díaz  "Toc-toc" e outra en inglés. Foi moi divertido!


Ao rematar soltamos unhas pombas como símbolo de Paz.


 Como houbo moi mal tempo, os nen@s de Infantil non puideron subir a compartir con nós este día, pero tamén o celebraron e pasáronno moi ben. (preme para ver máis)