29/9/12

UNHA OLLADA Á MÚSICA TRADICIONAL

O pasado xoves 27 de setembro recibimos no cole a tres mozos do grupo de música tradicional galega "Retrouso" .Fixeron as delicias dos nenos/as do primeiro e segundo ciclo, que gozaron escoitando os sons da gaita, e o acordeón , tamén aprenderon a diferenciar  como soan o pandeiro, a pandeireta , o tambor, a caixa e o bombo así como de que materiais están feitos.

A xornada estivo animada entre muiñeiras e "a saia da Carolina", pois esa sabiamola todos.Algúns voluntarios sairon tocar con eles e para rematar bailamos facendo roda.
Entre os nenos/as que estiveron máis atentos  sortearon camisetas , que levaron de recordo aqueles que souberon contestar ás preguntas.

O GALEGO NA REDE

Velaquí o titular que saiu no Atlántico diario o pasado xoves : O galego está en perigo de extinción dixital.
Esta é a conclusión á que chegaron os da rede de excelencia Europea "Meta-Net" da que forma parte o Grupo de Tecnoloxías Multimedia da Universidade de Vigo.Co gallo da celebración do día Europeo das Linguas fixeron público os resultados do seu estudo,no que sitúan ao galego dentro das 21 linguas en perigo de desaparecer do mundo dixital. Esto quere dicir que aínda que existen algunhas tecnoloxías e recursos , a nota media da súa calidade non é moi alta.
Dende aquí queremos facernos eco da reividicación dos investigadores que reclaman un esforzo por crear recursos de calidade e por impulsar o I+D+i.

http://www.atlantico.net/noticia/212278/gallego/peligro/extincion/digital/

UN SAÚDO



Este blog comeza a súa andaina neste curso 2012-2013 con moita ilusión. Ilusión e ganas de "enredar" coas particularidades da nosa lingua , a pesares dos momentos difíciles e dos ventos en contra.
ENREDAR no sentido máis lúdico  desta fermosa palabra, sendo o que máis lles gusta facer aos nenos , e  que resulta ser a mellor maneira de aprender.
Pretende ser un espazo na REDE para compartir experiencias, inquedanzas e propostas sobre temas de interese. Deste xeito queremos aportar un granciño máis de area para axudar a que o Galego estea presente con máis forza nesta era dixital que nos toca vivir.