26/12/12

POSTAIS DE NADAL

Desde o equipo de Dinamización Lingüística do CEIP A Pedra queremos agradecer a participación de todas as familias no certame de postais de Nadal. Son uns traballos estupendos, cheos de creatividade e colaboración en equipo.
Felicitacións para todos!
De entre as postais presentadas escolléronse tres , unha por ciclo, para colgalas na páxina da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística e así poder felicitar dixitalmente  estas fesstas. A escolla resulta cada vez máis dificil , pero esta vez os elixidos foron:
Iria Divina Gestido Verde de 1º A
Iria Estévez Juncal de 3ºB   
Javier Freire Moldes de 5º B
Premede na ligazón e animádevos a envialas  no NADAL!


 A CGENDL  elixiu a postal de Iria Estévez Juncal de 3ºB  para felicitarnos a todos o Nadal.
Noraboa  IRIA!




 
               


Tamén podedes ver os fermosos traballos presentados en Educación Infantil.

                          

                  NORABOA A TODOS/AS!
 
 
Estas son as postais elixidas para ser impresas nos boletíns.
 
  
 

 

.

12/12/12

RECITANDOCELSOEMILIO

Hoxe día 12 do 12 do 2012, todos os profes, nenos e nenas de A Pedra  tivemos unha cita no patio do cole ás 12:00 h, para sumarnos á actividade colectiva de recitado do poema "Deitado frente ao mar", do poeta de Celanova Celso Emilio Ferreiro. Este acto foi promovido pola Coodinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística para conmemorar o centenario do seu nacemento.
Todos nos decatamos da forza e do significado das súas palabras , e da importancia de querer e defender a nosa lingua...


Eu fáloa porque si, porque me gosta;
porque me peta e quero e dáme a gana;
porque me sai de dentro, alá do fondo ...



  Foi moi divertido recitalo todos xuntos, tiñámolo ben aprendido, desde os pequenos de Infantil ata os maiores de 3º ciclo que levaron o peso do recitado.



AH! e para seguir co nº 12  dividimos o poema en 12 anacos entre os cales deciamos os versos anteriores  tamén 12 veces. Saiu moi ben así que de nota tamén nos poñemos un 12!



afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos avós que temos mortos,
e ser, co restro erquido, 
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.


Eu fáloa porque si, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingua 




Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruíns e poderosos, 
non falo pra os finchados,
non falo pra os baleiros,
non falo pra os estúpidos



Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño ...
 

8/12/12

OLLOS DE AULA Nº 3

Neste  mes de Nadal chega un novo número da revista OLLOS  DE AULA ,cunha serie de artigos moi interesantes relacionados con estas datas, como por exemplo  a elección dos xoguetes e agasallos para os nenos. Botádelle unha ollada de seguro que  vos será de proveito.

                                                          OLLOS DE AULA Nº 3
                                                                                          

22/11/12

CELSO EMILIO FERREIRO

Para seguir coñecendo a Celso Emilio Ferreiro aqui tedes algunhas ligazóns interesantes que vos permitirán afondar na  súa vida  e obra.

 http://engalego.es/panel/alm/chs/julia/celso/celso.html.

http://vagalumecouto.blogspot.com.es/2012/09/celso-emilio-ferreiro.html

http://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1348654038/contido/UD_Celso_Emilio_Ferreiro/index.html

RecitandoCelsoemiliO

O mércores 12 do 12 do 2012 ás 12:00  no colexio de A Pedra ímonos sumar a unha inciativa que  xorde dende a Cordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, baixo o lema  recitandocelsoemilio . Consiste na lectura dun poema de Celso Emilio Ferreiro, "Deitado fronte ao mar", para conmemorar o  centenario  do seu nacemento e renderlle homenaxe pública cunha acción de carácter colectivo. É unha  forma de simbolizar a forza e enerxía da súa palabra  e tamén o compromiso cívico coa cultura e lingua de Galicia.
A esta iniciativa tamén poden sumarse asociacións de pais e nais, clubs de lectura, asociacións veciñais, bibliotecas municipais e calquera persoa ou entidade interesada en participar nun acto festivo en torno á figura do poeta celanovés.
Podedes atopar máis información na seguinte ligazón.

http://coordinadoraendl.org/recitandocelsoemilio

Aquí tendes o poema.

Publish at Calameo or read more publications.


      O instituto das Barxas de Moaña (Pontevedra) elaborou este vídeo onde lle poñen música ao poema de Celso Emilio Ferreiro. É estupendo!
            

21/11/12

AXÓUXERES

Botade unha ollada na seguinte ligazón e animádevos a participar nos Encontros Teatrais dos Axóuxeres. Espectáculos en directo para bebés e familias que levan percorrendo diferentes cidades galegas durante o outono.Tamén podedes seguilos na rede ou na TVG.


preme na imaxe

NUNCABUNGA


O Elefante Elegante presenta o seu novo espectáculo infantil

Teatro Municipal de Vigo - domingo 25 de Novembro, 18h

Auditorio de Pontevedra - domingo 2 de Decembro, 12h


Nuncabunga é un espectáculo cómico e poético sen palabras dedicado ao público familiar e infantil a partir dos tres anos. A acción desenvólvese nun espazo que evoca a proximidade co mar. Alí vive unha persoa que nun recuncho construíu o seu fogar. Un día de tempestade aparece un estraño entalado nunhas redes, coma un refugallo máis, daqueles que o mar bota fóra. Non ten casa nin comida mais está decidido a quedar naquel lugar. Serán eles capaces de chegar a un acordo?

 
                                   http://www.youtube.com/watch?v=jXKMRsELuHQ

14/11/12

QUE SUBA O TELÓN!

Que suba o telón! éste é o título dunha exposición itinerante de libros de teatro que estará na Biblioteca do cole ata o Nadal. Dita exposición foi elaborada polo EDL de A Pedra xunto cos equipos de Biblioteca e TIC e forma parte dun proxecto de traballo no centro.
Está composta por libros de textos teatrais tanto en galego como en castelán, outros de carácter didáctico e tamén cadernos e revistas. Case todos pertencen ao Fondo Teatral María Casares, que se consolidou grazas á Revista Galega de Teatro e ao seu director Antón Lamapereira. Actualmente está ubicado na Biblioteca Pública de Cangas



Os obxectivos fundamentais da exposición son , por un lado dar a coñecer os materiais do Fondo a toda a comunidade educativa e por outro impulsar a práctica teatral  na escola como recurso interdisciplinar, para fomentar aspectos como a expresión oral e corporal, a socialización, a creatividade , o compromiso e o traballo de grupo entre outros.
A partir de xaneiro a exposición trasladarase a outros colexios que estean interesados en coñecela e aproveitala a través dunha serie de actividades propostas.


8/11/12

UN SAMAÍN DE MEDO

Remata outubro e chega o Samaín,  as meigas ,pantasmas ,morcegos e demais espectros arrepiantes invaden os nosos pensamentos e fan que saian os medos.
Este ano no cole desfixémonos deles cun conxuro, pero antes estiveron  pendurados dunha arañeira xigante que apareceu no teito.



Tamén como cada ano pagou a pena achegarse a visitar a estupenda exposición de cabazas decoradas, pouco a pouco o listón está cada vez máis alto.




Queremos agradecer a colaboración dun pai no 1º ciclo que se animou a vir contar unha historia de medo, unha vivencia propia que deixou aos nenos abraiados e con ganas de seguir escoitando máis relatos terroríficos.


27/10/12

OLLOS DE AULA

    Neste mes de outubro ven de nacer unha nova publicación dende a Coordinadora Galega de Equipos de Dinamización Lingüística. Trátase de OLLOS DE AULA, esta pequena revista vai dirixida ás familias e pretende achegar información relativa á educación e temas de interese para os pais, sobre os que poder reflexionar.
Poderedes atopala neste blog cada mes.

29/9/12

UNHA OLLADA Á MÚSICA TRADICIONAL

O pasado xoves 27 de setembro recibimos no cole a tres mozos do grupo de música tradicional galega "Retrouso" .Fixeron as delicias dos nenos/as do primeiro e segundo ciclo, que gozaron escoitando os sons da gaita, e o acordeón , tamén aprenderon a diferenciar  como soan o pandeiro, a pandeireta , o tambor, a caixa e o bombo así como de que materiais están feitos.

A xornada estivo animada entre muiñeiras e "a saia da Carolina", pois esa sabiamola todos.Algúns voluntarios sairon tocar con eles e para rematar bailamos facendo roda.
Entre os nenos/as que estiveron máis atentos  sortearon camisetas , que levaron de recordo aqueles que souberon contestar ás preguntas.

O GALEGO NA REDE

Velaquí o titular que saiu no Atlántico diario o pasado xoves : O galego está en perigo de extinción dixital.
Esta é a conclusión á que chegaron os da rede de excelencia Europea "Meta-Net" da que forma parte o Grupo de Tecnoloxías Multimedia da Universidade de Vigo.Co gallo da celebración do día Europeo das Linguas fixeron público os resultados do seu estudo,no que sitúan ao galego dentro das 21 linguas en perigo de desaparecer do mundo dixital. Esto quere dicir que aínda que existen algunhas tecnoloxías e recursos , a nota media da súa calidade non é moi alta.
Dende aquí queremos facernos eco da reividicación dos investigadores que reclaman un esforzo por crear recursos de calidade e por impulsar o I+D+i.

http://www.atlantico.net/noticia/212278/gallego/peligro/extincion/digital/

UN SAÚDO



Este blog comeza a súa andaina neste curso 2012-2013 con moita ilusión. Ilusión e ganas de "enredar" coas particularidades da nosa lingua , a pesares dos momentos difíciles e dos ventos en contra.
ENREDAR no sentido máis lúdico  desta fermosa palabra, sendo o que máis lles gusta facer aos nenos , e  que resulta ser a mellor maneira de aprender.
Pretende ser un espazo na REDE para compartir experiencias, inquedanzas e propostas sobre temas de interese. Deste xeito queremos aportar un granciño máis de area para axudar a que o Galego estea presente con máis forza nesta era dixital que nos toca vivir.